Insectos polinizadores da horta

 INSECTOS POLINIZADORES DA HORTA

(Traballo e actividade de aula realizados polo departamento de bioloxía cos alumnos de 3º da ESO)

Moitos dos insectos que vemos todos os días e que moitas veces nos incomodan, son fundamentais para os nosos hortos debido a que desenvolven un importante labor polinizador. Os insectos polinizadores de xeito xeral son aqueles que transportan o pole nas súas patiñas peludas de flor en flor. Pero cando se ten un horto urbano, como é o noso caso, a tarefa da polinización resulta bastante complicada debido a que o uso de insecticidas e produtos químicos variados, xunto coa contaminación, reducen considerablemente o número de insectos.

Para tentar que as nosas plantas cheguen a dar froito, imos tratar de atraer de xeito natural certos insectos, que coas súas patiñas cargadas de pole irán de flor en flor. Para isto, o fundamental é contar cunha gran variedade de plantas que dean coloridas flores de diferentes tamaños e olores que chamen a atención dos bichiños polinizadores.

Os principais insectos polinizadores son:

ABELLAS e ABELLÓNS. Son os máis importantes dos polinizadores. Desgraciadamente, hoxe en día a súa cantidade viuse moi reducida debido ó uso de insecticidas, produtos químicos de uso agrícola e tamén a especies invasoras como a velutina. Para atraelos pódense empregar plantas de azafrán, romeu e lavanda. Así mesmo, tamén a presenza de froteiras é un bo reclamo posto que as súas flores son moi visitadas por estes insectos.



BOLBORETAS DIÚRNAS E NOCTURNAS. Estes bichiños tanto poden ser favorables como prexudiciais, xa que senten gusto por algúns cultivos. Son moi sensibles ós aromas polo que se senten atraídas pola caléndula, a lavanda, as margaridas, as rosas e os tagets. Dentro das bolboretas, as nocturnas tamén levan a cabo o seu labor polinizador.





MARIQUIÑAS. Os reirreis son uns grandes aliados das hortas porque non só polinizan plantas, senón que tamén controlan pragas ó alimentarse de pulgóns, ácaros e larvas de mosca branca. Para chamar a súa atención podemos empregar: perexil, cenorias, xeranios, caléndulas e margaridas.






SÍRFIDOS. Son parecidos ás abellas e ás avespas, aínda que teñen uns sobresaíntes ollos semellantes ós das moscas e unhas pequenas antenas. Senten predilección pola macela, o cilantro, a lavanda e o tomiño.





ESCARAVELLOS. Aínda que moitos se alimentan de vexetais, como é o caso do escaravello da pataca que pode acabar, se non se lle pon remedio, cunha leira enteira, hai algunhas especies que se alimentan de pole, o cal contribúe á polinización.






ACTIVIDADE DE AULA

1. A partir da seguinte imaxe, ir ó horto e explicar o proceso de polinización.



Comentarios