Os buxos e a Cydalima perspectalis

 

OS BUXOS E A Cydalima perspectalis


O buxo é unha árbore que podemos atopar nos bosques galegos e que, ó ser de crecemento lento, necesita de moito tempo para ter un tamaño considerable. Isto fai que moitas veces non nos decatemos de que o temos ó noso carón.

É moi habitual utilizar o buxo como elemento decorativo en xardíns, xa que se poden facer verdadeiras esculturas que teñen como base esta árbore (arte topiaria).

Xardín do pazo de Mariñán

A madeira de buxo é a que se empregaba tradicionalmente para facer as BUXAINAS, esas que cando eramos pequenos faciamos bailar ata na punta do dedo. Pero tamén é unha madeira empregada para facer algunhas gaitas (por ex. no obradoiro Seivane).



En Galicia, contamos con buxos moi salientables que forman parte do Catálogo de árbores senlleiras de Galicia, como son os da Carreira dos Buxos da Illa de San Simón.



Desgraciadamente, a poboación de buxo galega e peninsular está diminuíndo a pasos axigantados debido á EIRUGA DO BUXO ou BOLBORETA DO BUXO; é dicir, á Cydalima perspectalis.

Como puidestes ler noutra entrada do blog, este foi o primeiro bichexo que atopamos no noso horto. Non é prexudicial para as plantas hortícolas, pero si para os buxos que temos a carón da plantación.

Esta eiruga é unha especie exótica invasora que procede do leste de Asia (China, Xapón e Corea). Desde o ano 2014, está a estenderse por toda España e está a causarlle un gran prexuízo ós buxos das zonas boscosas, pero tamén ós de parques e xadíns, xa que en estado de larva, e en pouco tempo, devora as follas e a codia e mesmo talo destas árbores, ata o punto de provocar a súa morte.


Para combater esta eiruga de xeito ecolóxico, actualmente bótase man dunha bacteria: o Bacillus thuringiensis. Hai que pulverizar a planta afectada xa ó primeiro síntoma. Esta bacteria ataca o sistema dixestivo das larvas e fai que estas morran de inanición, xa que non poden comer. Este método, ó atacar só á larva, non lle afecta á cadea alimenticia doutros animais e non é daniña para os insectos polinizadores.

Para poder valorar o grao de afectación do buxo infectado, pódese facer unha comparación coa seguinte imaxe:

Afectación moi alta

O 90% dos buxos perderon case todas as súas follas.

Afectación alta

O 60% dos buxos perderon moitas follas


Afectación modera

O 30% dos buxos perderon follas


Afectación baixa

O 10% dos buxos perderon follas


PROPOSTA DE AULA

1. Aprender a identificar a árbore do buxo a partir das súa follas.

2. Investigar sobre os buxos senlleiros en Galicia a partir do Catálogo de árbores senlleiras galegas.

3. Aprender a identificar a eiruga do buxo.

4. Valorar que grao de afectación presentan os buxos do noso xardín por parte da eiruga.

5. Buscar imaxes que sirvan para exemplificar o concepto de arte topiaria.


FONTES

file:///C:/Users/USUARIO/Downloads/listaxe_CGAS_2022_febreiro.pdf

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/isla-de-san-simon-y-de-san-anton/

https://aibv.es/consejos-para-controlar-la-oruga-del-boj/

https://www.hogarmania.com/jardineria/mantenimiento/jardin/eliminar-plaga-orugas-36223.html

https://www.revistaad.es/decoracion/jardines-y-plantas/articulos/que-es-topiario-como-usarlo-decorar-casa

Comentarios