MANCHA NO CU DOS TOMATES OU PESETA DO TOMATE
Cantas veces lles oímos dicir ós donos das hortas que se lles apestaron os tomates para referirse a unha mancha escura redondeada que lles sae a estes no cu? É un problema moi común posto que non só lle afecta a tomates, senón tamén a pementos, cabaciñas e berenxeñas.
Preguntámoslles ós nosos maiores se sabían a que era debido esa mancha e a maioría das veces dixéronnos que era debido a un exceso de auga. E TIÑAN RAZÓN! EN PARTE
Os cus apodrecidos comezan cunda perda de cor da parte inferior do tomate, a seguir a pel deprímese e contráese engurrándose nunha depresión circular. Finalmente, a pel abrándase e cambia a súa tonalidade a marrón escuro case negro.
As causas deste feito son dúas:
1. Falta de calcio. Pode ser que a terra teña unha carencia deste nutriente, pero o máis habitual é que a planta non sexa capaz de facer un bo aproveitamento del porque non o toma do solo dun xeito adecuado debido a un rego deficiente.
2. Rego inadecuado. Pode ser que a planta fose regada deficientemente, tanto por execeso como por defecto. Se recibe pouca auga, o sistema radicular da planta case non se desenvolvería e non é capaz de captar o calcio que necesita. Se o rego foi excesivo, as raíces estarán enchoupadas e tamén apodrecidas e non serán capaces de absorber moitos nutrientes, entre eles o calcio.
Unha vez que se dá este problema no tomate, xa non ten solución. Eses tomates xa van ter o cu negro (a parte non afectada pode comerse igualmente), pero iso non quere dicir que outros tomates que dea a planta teñan ese problema.
En cando se detecte a mancha negra no tomate pódese tentar achegarlle á terra un extra de calcio regando con leite diluído en auga.
Unha medida a longo prazo se se tiveron problemas de cu negro nos tomates, é botarlle á terra cascas de ovos machacados para que na próxima plantación haxa un extra de calcio.
O que se pode facer sempre é PREVILO. Como? Pois NON REGANDO DIRECTAMENTE NO PÉ DA PLANTA, senón un pouco máis lonxe para obrigar a esta a que busque a auga e así se desenvolvan as súas raíces correctamente.
PROPOSTAS DE AULA
Dar a coñecer esta enfermidade tan habitual do tomate e investigar cal é a maneira máis correcta para facer o rego nas hortas (momento do día, técnica de regado...). Por último, prácticar no noso horto.
FONTES
https://todohuertoyjardin.es/blog/como-combatir-la-mancha-en-el-culo-del-tomate
https://www.agrohuerto.com/culos-podridos-en-tomate-como-solucionarlo/
https://www.agrorganics.com/es/blog/cultivo-del-tomate-la-necrosis-apical-o-culo-negro-del-tomate/
(Traballo e proposta de aula realizados polo departamento de bioloxía cos alumnos de 3º da ESO)
Comentarios
Publicar un comentario