REMEDIOS NATURAIS PARA O NOSO HORTO

 REMEDIOS NATURAIS PARA O NOSO HORTO

A raíz de atopar eirugas nos buxos que están ó lado do noso horto, pensamos en buscar remedios ecolóxicos para protexelo.

Antano, cando os produtos químicos para o control de pragas non eran unha opción, os agricultores e todos aqueles que tiñan hortas botaban man de certas plantas para loitar contra os bechos que asexaban as súas tomateiras, leitugas, coles, ou cenorias. Protexían aquilo que ían comer co que non comían.

Preguntando ós nosos maiores, recompilamos os seguintes remedios caseiros protectores do horto.


1.- ALLO

Cos allos pódese preparar un remedio para combater os fungos, os pulgóns e os ácaros.

Nun litro de auga, póñense 5 dentes de allo e déixase repousar durante 24 horas nunha pota parcialmente tapada. Despois do tempo preceptivo, quéntase durante 20 minutos e déixase arrefríar. A seguir, cóase esa auga e pode usarse para pulverizar a zona que se desexe tratar dúas veces ó día durante 7 días seguidos.


2.- CASCA DE OVO

As cascas poden ser un bo fertilizante para a terra e, ademais, un  repelente para os caracois e algunhas eirugas. Machúcanse as cascas e bótase o po na base das plantas.


3.- CASCAS OU PELES DE LARANXA

Serven para atraer as lemas e aos caracois. Colócanse boca abaixo en zonas sombrizas e húmidas. Pola mañá, veranse os caracois e as lemas adheridos á cara interna, xa que, usaranas como acubillo.


4.- CEBOLA

Caracterízase pola función antifúnxica, bactericida e insecticida. É efectiva contra a araña vermella, a mosca branca, o pulgón e fungos coma o mildio.

Córtanse dúas cebolas grandes e déixanse amolecendo en dous litros de auga durante 4 días. A continuación, cóase e  pulverízanse as zonas afectadas dúas veces ao día.


5.- CINZA DE MADEIRA SEN PINTAR OU VERNIZAR

Ademais de ser un bo fertilizante para a terra das zonas chuviosas, resulta útil para controlar lesmas e caracois.

Cubrir con cinza arredor do pé das plantas que se queiran protexer.


6. LEITE DE VACA

O ácido láctico é un funxicida natural, polo que pode ser un bo remedio protector.

Mellor empregar leite de vaca en proporcións de 900 ml de auga e 100 ml de leite. Pulverizar a planta, que quedará protexida contra fungos como o mildio ou o oídio.


7. MEXACÁN

O mexacán ofrece unha boa acción funxicida.

Pódense elaborar uns xurros desta planta (deixar amolecer un 1kg de mexacáns en 10l de auga durante 15 días) cos que despois pulverizar as zonas a tratar.


8.- ORTIGA

Ademais de reforzar o estado xeral da planta, a ortiga é moi boa para as pragas de araña vermella e pulgón. Tamén é efectiva para o mildio.

Poñer a amolecer 0.5 kg de ortiga fresca en 5 litros de auga durante unha semana. Coar e aplicar dúas veces ao día.



9.-POLDREIRAS DAS TOMATEIRAS

As ramas e follas das tomateiras que se podan pódense usar para elaborar un preparado repelente de pulgóns. Necesítanse 200 g aprox. de poldeiras frescas que se amolecerán en 2 litros de auga durante 48 horas. Despois cóase esa auga e emprégase para pulverizar dúas veces ao día as plantas.




10. –VINAGRE

O vinagre, ó conter ácido acético, é efectivo para eliminar o pulgón e como repelente natural.

Hai que diluír unha parte de vinagre por dez de auga. Pulverizar unha vez ó día ata que se vexa a melloría.


Tamén era moi habitual que nas hortas das nosas avoas e bisavoas houbese sempre certas plantas (romeu, tomiño, malva, malvela, xarxa, menta...) que eran empregadas para condimentar alimentos ou facer infusións. Ó mesmo tempo, pero probablemente sen sabelo, estaban protexendo a súa horta do ataque de pulgóns, mosca branca, mosquitos, lesmas ou caracois.


Polo tanto, xunto ós caixóns do noso horto, imos colocar xardineiras móbiles con:


a)Caléndula

Escorrenta a mosca branca.


b) Alfábega

Repele o mildio, a mosca branca e a araña vermella.


c) Capuchina.

Repele os pulgóns, caracois, formigas e mosca branca.


d) Ortiga, abeluria, menta e madreselva

Repele os pulgóns


e) Azaias, macela e fiollo.

Atraen insectos polinizadores.


Imos poñernos mans á obra!

Comentarios